Xesús Ferro Couselo (Novaíño, Cordeiro, Valga, 30 de xullo de 1906 - Ourense, 23 de abril de 1975) foi un historiador e investigador.
Fillo de Gumersindo Ferro Barreiro e María Couselo Bouzas e sobriño do sacerdote agrarista, cofundador do Seminario de Estudos Galegos e profesor do seminario de Santiago Xosé Couselo Bouzas, a partir de 1918 Xesús Ferro Couselo cursou estudos no seminario e desde 1926 asemade Filosofía e Letras, en Santiago, colabora co SEG onde fai amizade con Xaquín Lorenzo. En 1931 tras rematar os seus estudos teolóxicos co grao de doutor trasladouse a Vigo para dar clases nun colexio dos xesuítas, foi un dos fundadores da revista Logos e como delegado por Vigo participou na fundación do Partido Galeguista. Logo da expulsión dos xesuítas marchou en 1933 a Tui para ensinar no colexio Lábor e fundou a revista Tude (1934). O 1 de abril de 1935 afiliouse aos grupos galeguistas de Ultreya. Ferro Couselo estaba en Madrid cando estoupou a Guerra Civil española e inscribiuse nas Milicias Populares e na sección de ensino da CNT. Rematada a guerra instalouse en na súa casa natal de Novaíños e desde 1941 onde pasou o resto da súa vida como funcionario adscrito ao Corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Esta cidade fíxoo Fillo de Adopción. En 1942 creou o equipo de colaboradores do Museo Arqueolóxico con Vicente Risco e Florentino López Cuevillas. Pero Ferro Couselo non esqueceu o galeguismo político, en 1943 participou na xuntanza que se celebrou en Vigo para reorganizar o Partido Galeguista no interior e en 1950 foi un dos vogais do Consello de Administración que dirixía a Editorial Galaxia, clave para a recuperación do galeguismo cultural en Galicia, en 1951 ingresou na Real Academia Galega, en 1963 entrou a formar parte do consello de redacción da revista Grial, ano en que xunto co autor da idea Francisco Fernández del Riego e máis Manuel Gómez Román propuxo que a Real Academia Galega instituira a data do 17 de maio como Día das Letras Galegas. Foi presidente da Asociación Cultural Auriense (1969-1973), en 1971 creou o Boletín Auriense, publicación histórica de grande importancia e en 1972, polo seu labor científico, recibiu a Encomenda de Alfonso X o Sabio.
Ten unha extensa bibliografía composta de 121 traballos dos cales hai 5 escritos en portugués e 14 en lingua galega; os restantes están redactados en castelán.
Dedicouselle o Día das Letras Galegas de 1996.
No hay comentarios:
Publicar un comentario