A Conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e o alcalde do Concello de Ourense, Francisco Rodríguez, asinaron hoxe un protocolo de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e esta institución municipal que compromete a ambas partes a realizar os trámites oportunos para a construcción de dous centros de saúde nos barrios de O Couto e o Vinteún. Estes dous novos centros ampliarán nun 40 por cento a rede de Atención Primaria da cidade de Ourense e farán que un de cada cinco veciños e veciñas da capital conten cun novo centro de Primaria. No protocolo asinado hoxe establécense as bases da futura construcción destes centros e compromete as dúas institucións na súa procura, fixando os pasos que cada unha delas debe seguir. Así, o Concello de Ourense comprométese a realizar os trámites urbanísticos oportunos, á cesión libre de cargas dos terreos, cunha superficie mínima de 3.500 metros cadrados cada un, e a asumir os custes de urbanización dos mesmos, na que se inclúe a realización dos accesos de vehículos e peonil, ademais das conexións de auga, electricidade e telefonía, coa obriga de que estas estean executadas con antelación ao inicio das obras. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde comprométese a elaborar, supervisar e aprobar o proxecto dos centros e a contratar, dirixir e executar as obras de ambos, unha vez rematen os trámites de cesión dos terreos por parte do Concello. Mellorar a accesibilidade á asistencia básica Os novos centros de saúde do Couto e O Vinteún darán asistencia sanitaria básica ao redor de 30.000 ourensás e ourensáns, 18.500 no Couto e 10.000 no Vinteún, que na actualidade están a ser atendidos, respectivamente, nos centros de Saúde Novoa Santos e A Ponte. Ámbolos dous centros de saúde contarán cunha carteira de servizos avanzada, ou o que é o mesmo, desenvolverán o programa da muller. Isto supón que un de cada cinco veciños e veciñas de Ourense contarán cun novo centro de saúde. A estrutura de Atención Primaria na cidade incrementarase nun 40 por cento ao pasar dos cinco centros actuais a sete en toda a cidade, ademais do Punto de Atención Continuada situado no Centro de Especialidades. O proxecto de construcción destes centros enmárcase no obxectivo da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde de potenciar a Atención Primaria, mellorando a accesibilidade dos cidadáns a asistencia sanitaria básica, apostando por unha asistencia mais próxima e de calidade, que permita apoiar o desenvolvemento destes dous barrios en expansión. Asemade, esta descentralización de servizos, permitirá contar na cidade con centros de saúde con menor número de poboación atendida e, conseguintemente, ofertar unha asistencia mais individualizada e humana, característica propia da Atención Primaria |
No hay comentarios:
Publicar un comentario